Publicador de contidos

"Gocei de todo: de ver o proceso, a determinación dos parámetros, buscarlle un sentido… non me esperaba o que me atopei.”

Verónica Cancelo conta a súa experiencia realizando prácticas en Viaqua

Viaqua implícase nos novos modelos de ensino máis aló da formación tradicional: tanto coa FP Dual de Redes e Estacións de Tratamento de Augas, que desenvolve coa Xunta de Galicia no  CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, con colaboracións coas tres universidades galegas, como con mozos activos e en formación como Verónica Cancelo, que acaba de finalizar as súas prácticas no laboratorio da Estación de Depuración de Augas Residuais (EDAR) de  Silvouta.

Esta nova estudante, está a cursar o seu segundo ano da FP Superior de laboratorio de análise e control de calidade e ten claro que o seu futuro pasa por ser analista: "descubrino no laboratorio, en bacharelato". Di que se animou a traballar na EDAR grazas a "unha curmá que fai moitos cursos, e que me mandou a información. Como estaba a buscar algo que facer no verán probei. Decidinme por  Viaqua porque quero facer aquí practícalas finais do meu ciclo e coller experiencia".

" "
Verónica nas súas prácticas no laboratorio da EDAR de Silvouta

 

Verónica márchase coas metas cumpridas: "aprendín unha chea de cousas que no ciclo non podería aprender porque é unha FP superior, non unha dual" e aínda que esta foi a súa primeira experiencia nunha EDAR conta que "gocei de todo: de ver o proceso, a determinación dos parámetros, buscarlle un sentido… non me esperaba o que me atopei. Non coñecía todas as partes do ciclo da auga e tiven que traballar baixo presión porque se te equivocas ás veces non hai volta atrás. Por exemplo, se terminas unha mostra xa non hai máis".

As prácticas desenvolvéronse a través do programa Búscanse heroes, un programa que facilita a integración no mercado laboral e que está dirixido a persoas menores de 30 anos, apoiado pola Deputación provincial da Coruña, a Fundación Incyde e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Foi a propia estudante a que se interesou en realizar prácticas extracurriculares na empresa  Viaqua, co obxectivo de coller experiencia e poder repetir ao finalizar a FP que está a cursar.