Cigat Biofactoría

CIGAT-BIOFACTORÍA

A Unidade Mixta CIGAT- BIOFACTORÍA ten como obxectivo ampliar o alcance dos procesos  depurativos e así obter produtos de alto valor engadido mediante a recuperación de compoñentes presentes en correntes residuais, contribuíndo así á modernización do tecido empresarial galego.

Neste momento están en fase de finalización do proxecto dúas liñas tecnolóxicas:

  • Transformación da materia orgánica residual contida nas correntes tanto industriais como urbanas.

Por exemplo, na EDAR do Concello de Ourense e na industria Conservas Dardo trabállase para converter os lodos en ácidos graxos volátiles (AGV), produtos de base biolóxica que serven como materia prima para as industrias plástica, petroquímica e de lubricantes, entre outras.

  • Recuperación de correntes residuais procedentes dos sectores agroalimentarios.

En concreto, na adega Martín Códax proban a reutilización de compostos con propiedades antioxidantes (polifenoles) dos seus propios residuos.

En xeral, este proxecto, ademais, persegue reducir os custos de instalación e explotación dos procesos tradicionais de tratamento de residuos e definir novos modelos de negocio que permitan obter un retorno económico aos produtores cara á procura do residuo cero.

Así mesmo, increméntase a calidade das augas depuradas con niveis mínimos de compostos contaminantes.

Con esta estratexia promóvese un modelo de produción en liña coa Economía Circular.

A Unidade Mixta CIGAT-BIOFACTORÍA é o resultado da colaboración entre o Centro Tecnológico da auga, Cetaqua, a empresa Viaqua e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

CIGAT- BIOFACTORÍA integra os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas, englobados na Axenda 2030. Entre eles destacan o saneamento das augas (ODS6), as cidades e comunidades sostibles (ODS11) e a loita contra o cambio climático (ODS13), onde se promove a circularidade e a revalorización de refugallos das correntes residuais.

Tamén se suma ao traballo colaborativo, trazando alianzas para lograr os seus obxectivos (ODS17) xunto ao proxecto H2020  HOOP e os proxectos Interreg, Conserval e Ecoval.