Publicador de contidos

Aquae STEM achega a unha nanotecnóloga galega a escolares de toda España

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, Viaqua organizou xunto á Fundación AQUAE unha webinar coa nano tecnóloga galega Tatiana López, que achegou ás alumnas de 2º a 6º de primaria de colexios de toda España os segredos da súa especialidade científica.


A iniciativa forma parte do programa educativo Aquae STEM, que Viaqua coa Fundación AQUAE desenvolve en colexios de Galicia e esténdese a colexios doutras zonas da península. O obxectivo deste programa é fomentar as vocacións científico-técnicas entre nenas de educación primaria e incrementar a presenza feminina nestas disciplinas.


A webinar ten como propósito mostrar de maneira didáctica e a través de exemplos, a aplicación da nanotecnoloxía a multitude de produtos do mercado, como lentes con cristais resistentes ás ralladuras, raquetas de tenis, paus de golf, bicicletas ou táboas de surf lixeiras, pero sólidas, ou kits de diagnóstico rápido sen necesidade de esperar aos resultados de analíticas de sangue.


“A diferenza de tamaño entre un neno de 5 anos e o grosor dun cabelo é máis ou menos o mesmo que a diferenza entre o grosor dun só pelo da vosa cabeza e un nanómetro (a millonésima parte dun metro)”, sinala a doutora López, que espera “que esta charla contribúa a que o día de mañá haxa grandes científicas traballando por facer realidade un mundo moito mellor grazas ao seu esforzo e os seus descubrimentos. No mundo dos nanomateriais aínda hai moito espazo para soñar e moitos soños que facer realidade”.


En España persiste o "teito de cristal" na carreira investigadora. A presenza de alumnas en carreiras científicas limítase ao 28,5% do total, só un 21% de mulleres ocupan cátedras universitarias, apenas un 25% forman parte do profesorado investigador e aínda atopamos brechas de xénero no acceso ás axudas a recursos humanos e proxectos de I+D+i, segundo as conclusións do último informe Científicas en Cifras, elaborado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.


A posta en marcha do programa educativo Aquae STEM e a organización de webinars como este por parte de Viaqua, nace baixo a necesidade de visibilizar a importancia da igualdade de oportunidades e romper a brecha de xénero en ámbitos como a innovación, a tecnoloxía e a ciencia. A empresa, a través do seu Plan Estratéxico en Desenvolvemento Sostible, leva a cabo en Galicia varios proxectos para loitar pola igualdade entre xéneros e empoderar ás mulleres e as nenas, co obxectivo de contribuír ao ODS5 e ao ODS10 das Nacións Unidas. Ademais deste proxecto Viaqua tamén conta coa FP Dual da auga, co obxectivo de formar a mozas e mozos como técnicos especialistas no ciclo integral da auga.


O programa Aquae STEM, que se puxo en marcha en outubro de 2019, xa está integrado no plan curricular de 51 colexios de sete comunidades autónomas, entre elas Galicia e beneficia a máis de 2.500 alumnas de 2º a 6º de Educación Primaria de toda España, ademais de facilitar formación ao profesorado.