Broche de ouro para o proxecto RUAGUA: unha aposta pola xestión sostible da auga na Rúa
O evento final reúne a administracións, cidadanía, entidades sociais e empresas para amosar o impacto do proxecto no municipio
Esta mañá celebrouse no Centro Cultural Avenida da Rúa o evento final do proxecto RUAGUA, unha iniciativa sostible que propón xestionar a auga de maneira circular e colaborativa, implicando á cidadanía, ás administracións, ás empresas e ás entidades locais. RUAGUA enmárcase dentro do programa DEMOS, impulsado pola Fundación Cotec e IKEA para fomentar a innovación social no rural.
Durante o acto, presentáronse os principais logros de RUAGUA, entre os que destaca a posta en marcha dun sistema capaz de rexenerar entre 50 e 200 metros cúbicos diarios de auga, destinada a usos como a rega de zonas verdes e viñedos, a limpeza de rúas ou a loita contra incendios, reducindo así o estrés hídrico do municipio. Así mesmo, a instalación de 112 paneis solares fotovoltaicos garante a autosuficiencia enerxética das instalacións de rexeneración e depuración (durante as horas de luz solar), reducindo a pegada de carbono e os custos operativos do sistema.
A xornada, presentada pola xornalista Cristina de la Torre, foi inaugurada por María del Carmen González Quintela, deputada provincial e delegada especial para Valdeorras, en representación da Deputación Provincial de Ourense, quen destacou que “RUAGUA demostra que é posible aproveitar mellor os recursos, aplicando a innovación e a participación social, e que facelo desde o local ten un valor multiplicador”.
En representación da Fundación Cotec, María Peñate, técnica de Proxectos e Xestión do Coñecemento, expuxo o enfoque do programa DEMOS, que impulsa proxectos piloto en municipios españois para demostrar que a innovación tamén pode xurdir desde o pequeno e xerar grandes cambios.
O bloque central do evento estivo dedicado a coñecer os resultados de RUAGUA, presentados por Sergio Santorio, investigador de Cetaqua, quen sinalou que “é posible xestionar a auga de forma sostible, combinando a reutilización con enerxías renovables para ofrecer solucións reais aos desafíos ambientais do presente e do futuro, e todo isto desde un enfoque participativo, promovendo unha cultura da circularidade na poboación local”.
A xornada culminou coa mesa redonda “Xerando impacto positivo”, moderada por Brais García, investigador en Cetaqua, na que participaron representantes clave do proxecto: Víctor Comesaña, director de AquaOurense; Leticia Rodríguez, directora de Innovación de Viaqua; Javier Rodríguez Toribio, profesor do Colexio Pablo VI; e Belén Llorente, técnica de KSNET.
Leticia Rodríguez e Víctor Comesaña durante a súa participación na mesa redonda
“Grazas ao proxecto RUAGUA, logramos transformar os retos da auga existentes no Concello da Rúa en oportunidades para o futuro”, apuntou Leticia Rodríguez.
Con este evento, RUAGUA, froito da colaboración entre Cetaqua, AquaOurense e o Consorcio de Augas de Valdeorras, pon o broche final a dous anos de traxectoria que demostran que aplicar solucións circulares en municipios rurais é clave para facer fronte a desafíos globais desde o local, posicionando á Rúa como un municipio referente en Galicia en innovación social e economía circular.