Publicador de contidos

Cetaqua Galicia reúne profesionais da investigación e a empresa para falar de descarbonización

O consello científico-técnico do centro encárgase de orientar sobre novas políticas de investigación

 

Cetaqua Galicia, exemplo dun modelo único e pioneiro de colaboración público-privada, reúne a sete expertos de diferentes áreas no seu consello científico-técnico. Grazas a esta contorna colaborativa, créanse e reforzan sinerxias entre as entidades participantes e o centro en materia de I+D+i, o que posiciona a Cetaqua como referente nacional e internacional en investigación e innovación. 

O consello científico-técnico é o encargado de orientar ao centro sobre as políticas de investigación e propoñer novas liñas de estudo e desenvolvemento tecnolóxico. Ademais, presta asesoramento técnico sobre os programas de investigación a realizar, orienta sobre as posibilidades de financiamento e avalía as necesidades empresariais expostas.

Recentemente, Cetaqua Galicia celebrou a reunión anual do consello científico-técnico, un encontro no que participaron os seus patróns Viaqua, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), así como representantes do Grupo Agbar, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña. Unha sesión que pon de manifesto a importancia da colaboración público-privada en Galicia en materia de investigación científica e sustentabilidade para conseguir unha transformación ecolóxica e dixital do territorio. O obxectivo foi definir as liñas estratéxicas de innovación en simbiose urbana-industrial do centro, tomando a descarbonización como eixe central. 

Pedro Revilla, investigador científico do CSIC, afirma que “nas reunións do comité científico-técnico xorden novas ideas e propostas que se poden levar á práctica polos participantes ou os profesionais aos que representan. Así mesmo, estas reunións permiten coñecer posibles colaboradores para expoñer proxectos conxuntos cunha perspectiva integradora de diversos coñecementos e capacidades”. 

Nese sentido, Teresa Alvariño, xerente de Cetaqua Galicia, resalta que “para que a loita contra o cambio climático sexa eficaz, traballar conxuntamente con expertos de diferentes áreas é clave. No consello científico-técnico contamos con profesionais do ámbito da investigación, a educación e a empresa, apostando así pola colaboración e a transferencia de coñecementos como vías para lograr un desenvolvemento sostible e circular”. 

Un exemplo do compromiso do centro é a consolidación do Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular como aposta para descarbonizar Galicia a través da conversión de residuos en recursos de alto valor engadido. CIGAT Circular é un proxecto de colaboración entre Viaqua, Cetaqua Galicia e a Xunta de Galicia, beneficiario da convocatoria do programa de Unidades Mixtas de Investigación 2022 da Axencia Galega de Innovación e cofinanciado pola Unión Europea, a través dos Fondos Feder. 

Debido á urxencia de reducir as emisións en polo menos un 55% de aquí a 2030, Cetaqua Galicia apóiase na innovación e a dixitalización para acompañar ás organizacións para alcanzar unha correcta xestión do carbono, enfocando os seus esforzos para conseguir a descarbonización do territorio galego.