Publicador de contidos

CIGAT Circular, a aposta da Xunta, Viaqua e Cetaqua para descarbonizar Galicia grazas a conversion de residuos en recursos

Santiago acolleu esta mañá o acto de presentación do Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular, formado por Viaqua, Cetaqua e a Xunta de Galicia, cun presuposto de 3,5M€

Esta mañá, Santiago de Compostela acolleu o evento de presentación do Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular no edificio AquaHub A Vila dá Auga, sede de Viaqua, empresa galega con máis de 50 anos de experiencia na xestión do ciclo urbano da auga, e do seu centro tecnolóxico Cetaqua Galicia. 

CIGAT Circular é un proxecto de colaboración entre Viaqua, Cetaqua Galicia e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que conta cun orzamento de 3,5M de euros e xerará 12 postos de traballo cualificados de nova creación e mantemento. 

CIGAT Circular é a máxima modalidade dentro do Programa de unidades mixtas de investigación e dá continuidade ás Unidades Mixtas CIGAT, que comezou en 2015, e CIGAT Biofactoría, que se consolidou en 2018. Con esta terceira, as entidades involucradas investiron máis de 6,5 millóns de euros para avanzar cara unha xestión máis sostible dos recursos.

O acto puxo en valor os grandes éxitos que ata o de agora proporcionaron as Unidades Mixtas anteriores CIGAT e CIGAT Biofactoría, non só a nivel de talento, coa creación de 10 postos de traballo, senón tamén “co desenvolvemento e industrialización de 6 tecnoloxías innovadoras que deron lugar a 3 patentes internacionais depositadas, a participación directa de máis de 10 empresas e pemes no tecido innovador galego, a creación de 10 novos empregos cualificados ou a consolidación dun modelo de colaboración público-privada que promoveu a participación de Cetaqua e Viaqua en 7 novos proxectos de innovación e permitiu a obtención de 3,5M€ de fondos europeos para entidades galegas” afirmaba Manuel Cermeron, CEO de Agbar, e encargado de inaugurar o evento.

Intervención de Manuel Cermerón, CEO de Agbar

CIGAT Circular consolida por tanto os resultados obtidos anteriormente en ambas Unidades Mixtas, establecendo como obxectivo principal a descarbonización de Galicia a través da conversión de residuos en recursos de alto valor engadido. Para iso, integra cinco liñas de traballo: “a primeira, céntrase en tratamentos avanzados para a eliminación de microplásticos e a obtención de auga reutilizable; a segunda, no aproveitamento enerxético para a obtención de hidróxeno verde e biometano. A terceira liña, baséase na produción de biocompostos de alto valor engadido e a cuarta, na recuperación de nutrientes e celulosa. Por último, levará a cabo unha quinta liña de traballo  baseada no desenvolvemento dunha plataforma dixital circular”, destacaba Teresa Alvariño, xerente de Cetaqua Galicia. 

Teresa Alvariño, xerente de Cetaqua Galicia

Ademais, estableceuse un marco de colaboración co Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, onde se desenvolverá boa parte das actividades de CIGAT Circular. Esta colaboración ten como obxectivo promover a innovación e economía circular no ciclo da auga, dunha maneira multidisciplinar a través da participación de distintas familias da FP en Galicia, como a química, enerxía e auga, fabricación mecánica ou a de informática e telecomunicacións. Desta forma, o Centro Mixto posibilitará ao alumnado unha formación vinculada aos novos retos. 

O acto foi clausurado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, e polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Conde, aproveitou a ocasión para felicitar a Viaqua e Cetaqua, así como ás entidades involucradas nas Unidades Mixtas anteriores polo labor desenvolvido. Tamén destacou a importancia de continuar desenvolvendo proxectos de I+D+i que fomenten a colaboración público-privada. Casos de éxito como CIGAT Circular que engloban dixitalización, innovación e eficiencia enerxética, obxectivos estratéxicos na axenda de Galicia. Queremos consolidar este centro de investigación centrado na economía circular, unha forte aposta de Viaqua e Cetaqua polo territorio no que se están contando con pequenas e medianas empresas, centros de investigación, así como universidades e centros de Formación Profesional. A colaboración público-privada, a innovación e o coñecemento serán clave para afrontar con garantías os retos futuros aos que nos enfrontamos e os axentes implicados temos que seguir camiñando xuntos e sumar para superalos con éxito”.

Francisco Conde, conselleiro de Economía, Industria e Innovación

Pola súa banda, Bugallo puxo de manifesto as bondades que CIGAT Circular achegará ao territorio galego e a necesidade de abandonar o modelo económico lineal para avanzar cara modelos circulares que convertan os residuos en recursos. Tamén incidiu en que “A investigación e a tecnoloxía son fundamentais para garantir unha subministración de auga en cantidade e calidade suficientes e un retorno á natureza que non condicione a vida dos nosos ecosistemas. As biotecnoloxías serán claves para logralo e grazas a este Centro de Investigación estaremos máis preto de acadar unha Galicia máis sostible e resiliente”.

Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela

Con este propósito nace o Centro Mixto de Investigación Cigat Circular, un proxecto que dá un paso adiante no cumprimento dos obxectivos de Galicia na loita contra o cambio climático.

Máis información en: www.umcigat.es

Vídeo evolución Unidades Mixtas: https://www.youtube.com/watch?v=120L7kM-Cck