Publicador de contidos

Comunicado Concello de Betanzos

Betanzos fai un chamamento para evitar o consumo de auga durante as proximas 48 horas diante a posible presenza, de novo, de norovirus

A empresa concesionaria do abastecemento de auga alertou hoxe sobre concentración de norovirus no río e no depósito de cabeceira do servizo segundo as analíticas realizadas nos seus laboratorios. As mostras foron recollidas o pasado día 17. Ademais dos laboratorios de Viaqua, as mostras foron analizadas polas laboratorios da Universidade de Santiago que, neste caso, non detectou os mesmos parámetros. Diante esta substancialmente diferenza, o Concello, Augas de Galicia e Sanidade mantiveron hoxe unha reunión urxente para analizar a situación, aínda que, aínda non se decretou ningunha medida de restrición á espera dos resultados das mostras recollidas hoxe en oito puntos diferentes por parte da empresa concesionaria. En función destes resultados, que se coñecerán nunhas 48 horas, tomaranse ou non medidas restritivas.

A presenza de norovirus no río foi detectada por Viaqua no plan de seguimento e control que está a realizar tras o episodio do mes de xuño, dentro das analíticas constantes que realiza por encima das obrigadas na normativa vixente. Este control posibilitou que se detectou a presenza do virus nas tomas do pasado día 17.

Ante esta situación, coñecida esta mesma tarde, e tendo en conta os datos contraditorios que existen entre os laboratorios da empresa Viaqua “Labaqua” e os da Universidade de Santiago, o Concello fai un chamamento á poboación para que, na medida do posible, evite  a inxestión de auga  (bebida ou preparación de alimentos), e non a utilice para hixiene bucodental,  durante as próximas 48 horas, ata coñecer os resultados das analíticas das mostras tomadas hoxe e o que determine Sanidade.

A pesar de que ata o momento Sanidade non ten constancia, polo que trasladou esta tarde, dun aumento de casos de gastroenterites “por encima dos habituais”, desde o Concello “optamos por facer un chamamento para que se adopten medidas preventivas á espera dos resultados das tomas de auga recollidas hoxe”, explica a alcaldesa, María Barral. Tamén se activou o protocolo de medidas operativas para garantir a subministración de auga no caso de que se volva a repetir un episodio como o do pasado mes de xuño.

Desde o Concello, a través das distintas canles de comunicación, manterase informada á cidadanía sobre calquera variación que se produza tan pronto sexa  comunicada por parte de Sanidade.

Fonte: https://novas.betanzos.es/betanzos-fai-un-chamamento-para-evitar-o-consumo-de-auga-durante-as-proximas-48-horas-diante-a-posible-presenza-de-novo-de-norovirus/