Publicador de contidos

Dous estudantes ourensáns participan en Suecia no certame internacional do Stockholm Junior Water Prize, o ‘Nobel da auga’ xuvenil

" "

Dous estudantes de Primeiro de Bacharelato do Colexio Marista Santa María de Ourense, Miguel Aragón Fernández e Miguel Sequeiros Doval, participan mañá en Estocolmo no certame internacional da XXII edición do Stockholm Junior Water Prize (SJWP), considerado o Premio ‘Nobel da auga’ para mozos e mozas.  SJWP é unha competición internacional que premia a investigación xuvenil en temas de auga e sustentabilidade, que en España impulsan Viaqua, Fundación Aquae e a Escola da auga. 

A investigación destes dous mozos galegos, que en maio gañaron o certame nacional deste concurso, céntrase nun innovador sistema ecolóxico para degradar as  toallitas hixiénicas, baseado na capacidade do verme do mel (Galleria  mellonella) para descompoñer os compostos derivados do  polietileno. Para desenvolvelo, estes estudantes baseáronse nas recentes investigacións das universidades de Cantabria e Cambridge, que demostran que este verme pode degradar o polietileno de forma natural, mediante a súa inxesta. Estes mozos deron un paso máis, ao demostrar que este verme tamén é capaz de descompoñer os compostos derivados do polietileno, presentes nas toallitas hixiénicas, sen xerar contaminantes nin afectar o ciclo vital deste ser vivo.

As toallitas hixiénicas non son biodegradables (a súa porcentaxe de desintegración en auga non chega ao 40% nun período de dous días, fronte ao 95% do papel hixiénico, composto na súa maioría por celulosa, que se desfai en media hora). Esta difícil degradación ocasiona perdas millonarias (máis de 1.000 millóns de euros anuais na Unión Europea) polos atascos das tubaxes, chegando a inhabilitar temporalmente algunhas depuradoras de auga e creando un grave problema de saúde en moitas cidades.

Un xurado de expertos internacionais entrevistará o equipo español -viaxará á capital sueca xunto á súa titora, Lydia Castro- e ao resto dos 34 equipos que gañaron os certames nacionais nos seus respectivos países. O equipo gañador recibirá 15.000 dólares, un diploma e unha escultura de cristal azul de mans da princesa Vitoria de Suecia, patroa deste galardón. A cerimonia de entrega deste premio ten lugar durante a celebración da Semana Mundial da auga (26-31 de agosto).

O pasado ano os estudantes norteamericanos  Ryan  Thorpe e Rachel  Chang gañaron este concurso grazas a un sistema que detecta e  purifica a auga contaminada con  shigella,  salmonela e cólera, de maneira moito máis rápida e eficaz que calquera outro sistema convencional. Un descubrimento que podería previr o brote de enfermidades transmitidas pola auga e expandir o consumo de auga potable no mundo.

A edición mundial do Stockholm Junior Water Prize está organizada polo Instituto Internacional da auga de Estocolmo (SIWI), cuxo obxectivo é fomentar o interese dos mozos e promover a súa creatividade en torno á auga e o medio ambiente. Pola súa banda, a edición española desta competición está patrocinada por  Viaqua e Fundación  Aquae, e organizada pola Escola da auga, unha institución creada por Suez para compartir e transferir coñecemento en materia de auga e sustentabilidade que conta con proxectos de capacitación en 17 países. A concesionaria galega da auga Viaqua, apostou unha vez máis polo apoio á formación e investigación dos máis novos no ámbito de auga e medio ambiente impulsando iniciativas como esta.

O obxectivo de  SJWP, que cada ano recibe máis de 10.000 proxectos de todo o planeta, é premiar grandes ideas -procedentes de mozas de 15 a 20 anos- que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas mediante a mellora da calidade da auga, a xestión dos recursos  hídricos, a protección deste recurso ou o tratamento da auga, xa sexa potable ou residual. Este premio creouse en 1997.

Máis información:

https://www.fundacionaquae.org/proyectos/stockholm- junior- water- prize/  

http://www.siwi.org/stockholmjuniorwaterprize