Publicador de contidos

A II Edición do Piano Meeting volve a Ourense en setembro

" "

A cidade de Ourense volverá a converterse no maior auditorio de Galicia ao aire libre coa chegada do II Festival Piano Meeting , da man de 70 Mandarinas Comunicación e do pianista Javier Otero, e grazas á colaboración de Turismo de Galicia, Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e Viaqua, principais patrocinadores deste evento.

Tralo éxito acadado na primeira edición, coa participación, o día do festival, de máis de 250 pianistas entre profesionais, neófitos e espontáneos, e cun concerto final que congregou a máis de 2.500 persoas, Piano Meeting volve convocar un concurso de piano, que será a antesala do festival que se celebrará en Ourense a finais de setembro.

Para poder presentarse a este concurso deberán cumprir os seguintes requisitos:

- Inscribirse na páxina www.pianomeeting.com, onde poderán consultar as bases completas, e mandar un vídeo de 10 minutos como máximo antes do 23 de xullo a comunicacion@pianomeeting.com.

- Non ter máis de 35 anos, unha das novidades con respecto ao ano anterior, onde o límite eran os 30 anos.

- No formulario de inscrición deberán enviar un curriculum de 300 palabras máximo deixando o seu nome compreto, DNI e número de teléfono.

De todos os que se presenten, o xurado terá que seleccionar aos 10 mellores, que terán a oportunidade de tocar no festival a gastos pagos. Ademais, o primeiro e segundo clasificados serán premiados cunha dotación económica de 1000 e 500€, respectivamente. O xurado tamén deberá seleccionar a outros 20, que se porán en mans do público, a través das redes sociais.

O xurado estará composto por Miguel Vizoso, profesor do conservatorio profesional de Santiago de Compostela; Abe Rábade, pianista de jazz e profesor da Escola Superior de Música e Artes Escénicas de Oporto; Nuria Díaz Mera, profesora do Conservatorio Profesional de Música de A Coruña, e Javier Otero Neira, pianista e director artístico do Festival.

O próximo 31 de xullo daranse a coñecer os 10 seleccionados polo xurado e polo tanto os gañadores do primeiro e segundo premio. Ademáis presentaranse os 20 pianistas escollidos para participar no concurso nas redes.

O Piano Meeting 2018 celebrarase a finais do mes de setembro en Ourense e contará coas actuacións dos 20 seleccionados na fase de concurso, que terán lugar ao aire libre en espazos emblemáticos da cidade, e incluirá tamén obradoiros para neófitos e concertos de grandes pianistas invitados, permitindo tamén a participación de espontáneos que se animen a tocar. 4 espazos ao aire libre e 4 pianos de cola, que estarán dispoñibles desde media mañá ata as 20:00 da tarde.

Como colofón do festival haberá un concerto final con dous pianos e moitas sorpresas que se irán desvelando a medida que se echegue a data.

As datas que se contemplan para esta 2º edición do Festival Piano Meeting son 22 ou 29 de setembro, sempre dependendo das condicións meteorolóxicas.