Publicador de contidos

Queda prohibido o consumo de auga potable en Viana do Bolo ata novo aviso

Comunicado do Concello de Viana do Bolo:

Dende o Concello de Viana do Bolo informamos á veciñanza que desde este momento queda prohibido o consumo de auga potable no núcleo urbano de Viana ata novo aviso, pola situación das augas no punto de captación.

Tendo en conta os datos que arroxa a última analítica realizada por Viaqua hai unhas horas das augas que o Concello capta para consumo humano, na que se constata un elevado nivel de turbidez que supera o máximo establecido no Real Decreto Lei 140/2003 de calidade das Augas, sendo imposible chegados a este punto que os procesos levados a cabo na planta potabilizadora municipal poidan garantir a calidade das mesmas, vémonos na obriga de prohibir o seu consumo. Poderá utilizarse para fregar ou lavarse pero non para consumir.

Dende que se detectou esta situación nesta mesma mañá, dende o Concello e a través da empresa que xestiona o servizo municipal de augas, Viaqua, estase traballando nun novo punto de captación no río Bibei.

O concello puxo en coñecemento do Seprona esta situación  esta mesma mañá e ante a situación descrita con anterioridade dende Viaqua comunicáronse os feitos a Sanidade.

Dende o concello lamentamos a situación, os prexuízos á cidadanía xerados pola mesma, e traballa conxuntamente con Viaqua e Seprona para resolver o problema o antes posible. Iremos informando de forma constante á poboación.

Esta información estase a trasladar á veciñanza a través de todos os medios aos noso dispor, redes sociais, prensa, megafonía de policía local e protección civil, etc.

Pregamos compartades este estado para que chegue ao maior número de xente posible.

Máis información na canle oficial de Facebook do Concello de Viana do Bolo: https://www.facebook.com/1002233746590733/posts/2029876793826418/