Publicador de contidos

Sanidade declara non apta para o consumo a auga en Betanzos

Plan exhaustivo de limpeza e desinfección da rede de Betanzos 

 

Os resultados das analíticas realizadas pola Inspección de Saúde Pública sobre mostras recollidas o pasado 29 de maio detectaron presenza de norovirus nalgúns puntos do abastecemento, o que levou a declarar a auga non apta. Tal e como sinala o citado informe da autoridade sanitaria, a presenza deste virus tamén foi atopada na Fonte da Condesa, procedente de manancial e non conectada á rede de abastecemento.

A declaración de auga como non apta implica manter as restricións de uso xa vixentes, non podendo utilizarse para inxesta, lavado de alimentos ou hixiene bucodental. Si está permitido o seu uso para hixiene persoal (lavado de mans e ducha) e limpeza doméstica.

As analíticas realizadas por Saúde Pública determináronse no proceso de procura da orixe do brote de gastroenterite, ao non estar contemplados eses parámetros nas analíticas, que dacordo ao establecido na normativa, son realizadas  e comunicadas pola empresa xestora, e que cumprían todos os criterios sanitarios esixidos polo Real Decreto 3/2023, do 10 de xaneiro, polo que se establecen os criterios técnicos – sanitarios da calidade da auga de consumo, o seu control e subministración.

Coñecido o resultado das analíticas, mantense o plan de actuación  acordado conxuntamente co Concello e a autoridade sanitaria o día 2 de xuño, que xa contemplaba esta posibilidade. O plan, xa en marcha, inclúe como medidas preventivas a limpeza exhaustiva da rede de abastecemento e todas as instalacións, a hipercloración da auga e a intensificación dos controis analíticos diarios en diferentes puntos da rede así como na captación, e resulta efectivo no escenario actual.