Publicador de contidos

Preséntase en Santiago os avances do proxecto europeo Waterun de tratamento de augas de escorrentía

Viaqua acolle en A Vila da Auga o segundo Comité Consultivo Local de expertos formado por representantes do Concello de Santiago de Compostela, Augas de Galicia, o SErgas e a empresa E3A Arquitectos

Presentouse un novidoso sistema de soporte á decisión baseado na análise de riscos para a saúde e o medio ambiente aplicado á auga de escorrentía

Viaqua acolle a reunión de consorcio e a segunda mesa de grupos de interese do proxecto europeo WATERUN Horizonte Europa, que busca desenvolver unha metodoloxía innovadora para previr e mitigar a contaminación difusa en augas de escorrentía urbana. A Vila da Auga, sede da empresa galega, foi o punto de encontro entre os diferentes axentes locais e internacionais.

As augas de escorrentía de zonas urbanas e industriais constitúen un gran reto na xestión sostible dos recursos hídricos e de saneamento, xa que polo xeral devólvense ao medio con toda a súa carga contaminante, sendo fonte de degradación de ríos, lagos e mares. Por iso, o obxectivo de WATERUN é desenvolver metodoloxías e sistemas de monitorización, análise e mitigación de riscos de contaminación difusa en augas de escorrentía en colaboración coas institucións locais, como o Concello de Santiago, que farán uso destas ferramentas unha vez acabado o proxecto. 

O WATERUN materialízase en Santiago con dúas unidades piloto para tratar as augas de escorrentía a través dun sistema de drenaxe urbana sostible no Vial de Ptolomeo, Polígono do Tambre, e outra no polígono da Sionlla, que incluirá dous sistemas de drenaxe urbana sostible e un humidal. Con iso, preténdese evitar as inundacións do parque industrial no que se sitúan os pilotos e que as masas de auga contaminadas con hidrocarburos, aceites, sólidos en suspensión ou microplásticos, terminen no río próximo ao polígono causando un problema ambiental.

Durante a reunión do comité de expertos deste xoves,  avaliouse un novo sistema de soporte á decisión baseado na análise de riscos para a saúde e o medio ambiente aplicado á auga de escorrentía que está desenvolvendo a Universidade Politécnica de Marche (UNIVPM). Os espazos de co-creación do proxecto, que reúnen ao Comité Consultivo Local, formado por representantes do Concello de Santiago de Compostela, Augas de Galicia, Sergas, a empresa E3A Arquitectos e Viaqua, xunto a membros do consorcio, son clave na achega de ferramentas útiles e prácticas que contribúan a xestionar de forma sostible as augas de escorrentía en Santiago e toda Galicia.

Cunha duración de 48 meses e un orzamento de 3 millóns de euros, o proxecto desenvolverase ademais de en Santiago de Compostela, en Aarhus (Dinamarca) e Amman (Xordania). O consorcio está formado por: Viaqua, UdC, AIMEN, DCU Dublin City University, TUB Technical University of Berlin, UFZ Helmholtz Centre for Environmental Research, UNIVPM Università Politécnica delle Marche, AU Aarhus University, TILIA Gmbh, SEECON Seecon International Gmbh, OIEAU Office International de l’Eau, WAREG European Water Regulators, UJ The University of Jordan, AV/AV Aarhus Vand.