Publicador de contidos

Viaqua acolle o Pleno da Cámara de Comercio de Santiago na súa sede A Vila da Auga

  • Esta iniciativa forma parte da estratexia da Cámara de aperturar a institución ás empresas da súa demarcación territorial

  • Durante a sesión, renovouse o convenio de colaboración e cooperación entre as dúas entidades

O Pleno da Cámara de Comercio de Santiago, celebrou na sede de VIAQUA, o AquaHub A Vila da auga, a súa primeira sesión Plenaria do presente ano. 

Esta iniciativa de “deslocalización” dos Plenos camerais responde á estratexia de aperturar á Cámara ao tecido produtivo da súa demarcación territorial, coa finalidade de propiciar o coñecemento da actividade cameral e dos servizos que a entidade pon a disposición das súas empresas, e, deste xeito, coñecer  o quefacer empresarial da empresa anfitrioa e escoitar as súas demandas e necesidades.

Deste xeito, durante a sesión, na que estiveron presentes, o director de Viaqua, Iván José Vicente, a xerente de Viaqua en Santiago de Compostela, Ana Tejeiro, e a directora de Marketing e Comunicación, Sonia Delpont, a Presidenta da Cámara, María Pais, e o resto de vogais do Pleno da Cámara de Comercio, puideron visitar os distintos espazos de traballo e coñecer os proxectos nos que traballa Viaqua, como o proxecto “Ou-Intelixente”, no que a empresa mixta AquaOurense (formada pola Deputación provincial de Ourense e Viaqua) conseguiu 7,7 millóns de euros no PERTE de dixitalización da auga, sendo o proxecto con mellor puntuación de Galicia; ou o labor desenvolvido por Cetaqua, centro tecnolóxico da auga, especializado, en ofrecer solucións hídricas para conseguir un ciclo da auga máis eficiente e sostible, presentado pola súa xerente, Teresa Alvariño.

Así mesmo, ambas as entidades renovaron, un ano máis, o seu convenio de colaboración co obxectivo de seguir fomentando a cooperación. Ambas destacaron a importancia das alianzas e a colaboración público-privada para afrontar os retos do futuro e avanzar cara a un desenvolvemento sostible e responsable de Santiago de Compostela e comarca. Este convenio é unha mostra máis da aposta pola colaboración en beneficio da sociedade. 

Coa renovación deste acordo, Viaqua, empresa concesionaria da auga en Santiago de Compostela, segue reforzando o seu vínculo con diferentes asociacións santiaguesas, incluíndo organizacións empresariais, institucións públicas, universidade e asociacións veciñais. O director de Viaqua quixo destacar o “labor que a Cámara de Comercio fai polas empresas da comarca e reforzar o compromiso de Viaqua por fomentar as relacións con todos os axentes sociais. Estamos seguros de que xuntos podemos acadar grandes metas e xerar un impacto positivo en Santiago de Compostela”. 

Por parte da Cámara de Comercio, a súa presidenta, María Pais, resaltou “a importancia deste tipo de acordos de colaboración con empresas tractoras no seu sector como é Viaqua. A firma deste documento servirá, sen dúbida, para fomentar a colaboración, cooperación e apoio mutuo entre as dúas organizacións en beneficio do tecido empresarial da contorna”