Viaqua incorpora á EDAR de Betanzos unha solución tecnolóxica para o tratamento de lodos máis eficiente e sostible

Esta mañá tivo lugar a visita oficial para coñecer esta mellora e contou coa presenza da alcaldesa de Betanzos

Viaqua, a empresa xestora do servizo de abastecemento e saneamento de Betanzos, incorporou na liña de tratamento de lodos da EDAR de Betanzos unha solución tecnolóxica máis moderna, robusta e de baixo consumo enerxético. Trátase dun tornillo deshidratador, que contribúe a unha xestión máis eficiente do tratamento de lodos, un dos elementos clave para o bo funcionamento da depuradora.

Esta actuación, que supón un investimento de arredor de 60.000 euros, reforza a fiabilidade dun proceso crítico, moderniza a instalación e presenta menores custos de mantemento en comparación coa tecnoloxía que se adoita empregar neste tipo de tratamentos.

A visita oficial para coñecer esta mellora tivo lugar esta mañá e contou coa presenza da alcaldesa de Betanzos, María Barral, quen destacou o compromiso conxunto do Concello e Viaqua para garantir un servizo máis seguro, eficiente e sostible para a cidadanía.