Publicador de contidos

Viaqua e Ategal levarán a cabo un proxecto de hábitos saudables destinado a persoas maiores

 

" "

Ángel Fagilde Trabada, presidente das Aulas Senior de Galicia (Ategal) e Julio  Masid, director xeral de  Viaqua, asinaron esta mañá en Santiago un convenio mediante o cal a empresa xestora integral de augas subvencionará o proxecto de  Ategal para persoas maiores “Talento  Senior. Liderando a miña saúde. Pautas para ter unha saúde de cinema”, de preparación á xubilación que impartirá a docente, coach, autora e médica de familia, Estefanía Zardoya Cabo.

Esta serie de talleres celébranse entre xaneiro e maio de 2019 nas sedes de Ategal de Santiago e Ourense, coa particularidade de que non só está destinada a alumnado de Ategal, persoas maiores en xeral, senón tamén aos traballadores e traballadoras das entidades onde se celebran.

O primeiro taller celébrase o 22 de xaneiro na sede de Ategal Santiago e o 23 do mesmo mes en Ourense. Días despois empezarán os previstos en Ourense. En todas estas localidades realizarase unha sesión cada semana. 

“Talento Senior. Liderando a miña saúde. Pautas para unha saúde de cinema” consta dunha serie de seis talleres gratuítos no ámbito da saúde, desde un punto de vista integral, e coa temática de preparación á xubilación que presentan unha serie de ferramentas para prepararse para esta etapa vital, con temáticas determinadas dunha forma amena, didáctica e dinámica.

De feito, cada taller leva por título unha película clásica de cinema moi coñecida para dar pautas emocionais sobre as que traballar, ámbito decisivo na xubilación para afrontar esta etapa con positividade, efectividade e utilidade.

Consulta o dossier do proxecto ‘Talento Senior. Liderando a miña saúde’ en “Descargar Pdf”.