Publicador de contidos

Viaqua reforza a súa solución de monitoraxe da COVID-19 en augas residuais para incluír a detección das cepas brasileira e surafricana

Tras a identificación das novas cepas variantes do  SARS- CoV-2 en Brasil e Sudáfrica, con maior capacidade de transmisión, aínda que sen evidencias de que sexan máis virulentas,  Viaqua a través da rede de laboratorios de SUEZ (LABAQUA), pioneira en determinación de  SARS- CoV-2 en augas residuais, xunto coa Dirección de Operacións deste grupo empresarial, desenvolveron un método rápido mediante PCR en menos de 24 h para a determinación destas variantes nas augas residuais. Isto, unido ás redes de control epidemiolóxico xa existentes, convérteo nunha ferramenta eficaz para controlar a evolución da pandemia no territorio. A principios deste ano 2021,  Viaqua incorporou tamén á súa solución COVID-19 City Sentinel a detección da cepa británica.

A solución de control epidemiolóxico COVID-19 City Sentinel está en liña coa recomendación que a Comisión Europea lanzou cara a todos os seus Estados membros para realizar a monitoraxe do virus nas augas residuais.

COVID-19 City Sentinel é o resultado dunha estratexia de investigación de Viaqua e o grupo empresarial ao que pertence, para desenvolver, en tempo récord, solucións innovadoras para contribuír á loita contra a pandemia. Desta forma,  Viaqua pon ao dispor dos xestores públicos a súa experiencia e coñecemento en redes de saneamento que, combinada cos resultados analíticos, supón unha valiosa fonte de información para que os responsables sanitarios poidan adoptar medidas efectivas fronte a novos brotes.

Cabe destacar que a solución COVID-19 City Sentinel para a monitoraxe do virus  SARS- CoV-2 nas augas residuais é a ferramenta elixida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, xestor do proxecto estatal  VATar COVID-19 para a vixilancia microbiolóxica, como plataforma dixital para a entrega de resultados e o seguimento da evolución do virus nas augas residuais.

Actualmente, a solución COVID-19 City Sentinel está implantada en máis de 100 municipios en España, entre os que se atopa o Concello de Betanzos, estudando o comportamento das augas residuais de máis de 13 millóns de habitantes.

Viaqua leva máis de 20 anos colaborando activamente en alianza coas administracións públicas, as universidades e os centros de investigación na vixilancia epidemiolóxica e detección de virus en augas residuais.