Publicador de contidos

Viaqua únese á Universidade de Vigo para impulsar a I+D+i no eido da xestión e tratamento de augas

" "

Julio Masid, director xeral de Viaqua e Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre as dúas institucións. O obxectivo do convenio é por en marcha iniciativas encamiñadas á promoción e ao impulso da xestión e tratamento de augas no ámbito docente e investigador. A iniciativa enmárcase no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga.

Viaqua comprométese a execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento a realizar entre grupos de investigación do Campus da Auga e desta empresa. Tamén se compromete a prestar asesoramento e a realizar ofertas de prácticas para o alumnado dos últimos cursos das titulacións que se impartan no campus de Ourense-Campus da Auga no ámbito da xestión e tratamento de augas.

Durante o acordo, que ten unha duración de dous anos, Viaqua participará en xornadas académicas e eventos do Campus da Auga e promocionará visitas técnica ás instalacións do ciclo integral da auga co fin de que o alumnado do campus teña un coñecemento directo dos procesos relativos a este ciclo. O convenio tamén recolle que “co fin de estimular o fomento da investigación, transferencia, innovación educativa e divulgación científica relacionada co motor estratéxico de especialización do Campus da Auga, Viaqua outorgará en 2019 e 2020 premios por un importe de 3600 euros anuais”.

Trala sinatura do convenio, Manuel Reigosa, salientou como, tendo o seu equipo “como obxectivo importante a colaboración público-privada”, desde a institución académica búscase con iniciativas coma esta “mesturarnos con socios que nos poidan facer achegas para conseguir os máximos niveis de calidade no noso traballo”.

Pola súa banda, Julio Masid recalcou tamén como “a colaboración público-privada só pode mellorar o quefacer das empresas e das universidades e aí intentaremos estar nós na medida do posible porque é bo para todos e para a sociedade en xeral”.