Publicador de contidos

Viaqua e Fundación Amicos asinan un convenio de colaboración pola inclusión e coidado do medio ambiente

Viaqua e a Fundación Amicos de Boiro asinaron un convenio de colaboración onde ambas entidades se comprometeron a desenvolver accións que contribúan ao coidado e preservación do medio así como a consecución dos Obxectivos de Desenvolvermento Sostible (ODS) marcados pola ONU na Axenda 2030.

A xerente de Viaqua, Ana Tejeiro, e o director xeral de Amicos, Xoán España, asinaron o convenio na sede de Viaqua, o AquaHub A Vila da Auga. Tras a firma do convenio, a xerente de Viaqua destacou que “en Viaqua estamos convencidos de que a saúde do planeta está estreitamente vinculada coa saúde das persoas, por iso defendemos a igualdade de oportunidades, a accesibilidade e a inclusión de todas elas. Alianzas como a que acabamos de establecer con Amicos, constitúen un motor social, ambiental e económico.”

" "

 

Pola súa parte, o director xeral de Amicos agradeceu “o compromiso de Viaqua e as facilidades para poñer en marcha este convenio e a aposta por un futuro máis inclusivo e verde de acordo coas misións das dúas organizacións, pero sobre todo a aposta polas persoas con discapacidade como motor de impacto ambiental e transformación social. Coidar dos nosos e coidar do noso é o resumo claro desta alianza”.

Ambas entidades levan anos traballando aliñados cos ODS e froito desta alianza poñerán en marcha accións de coidado e protección do medio ambiente, como limpeza de ríos coa colaboración da Ecobrigada da Fundación Amicos, o voluntariado corporativo de Viaqua e a implicación da cidadanía.

 

No ámbito educativo e divulgativo, organizaranse visitas ás instalacións do ciclo urbano da auga, e ambas entidades elaborarán contidos formativos onde os usuarios e usuarias de Amicos participarán como embaixadores que promovan hábitos de consumo responsable á poboación.

Coa firma deste convenio de colaboración, a empresa Viaqua da un paso máis na consecución dos seus compromisos de desenvolvemento sostible, establecendo acordos e iniciativas colaborativas que favorezan a inclusión na contorna laboral de persoas con discapacidade.