Publicador de contidos

Viaqua e Cruz Vermella axudan a familias a paliar a crise provocada pola COVID-19

" "

Viaqua logrou recadar 2.400€ para a iniciativa “Cruz Vermella RESPONDE”, un plan integral lanzado por Cruz Vermella Española para atender a persoas en situación de vulnerabilidade por mor da pandemia da COVID-19. Deste xeito, a compañía contribuíu a ofrecer alimentos básicos durante unha semana a 30 familias en situación de crise.

Desde mediados de maio ata setembro, Viaqua destinou 1€ por cada novo rexistro na área de clientes. Así, os clientes de  Viaqua que se rexistraron a través da páxina web poden consultar as súas facturas e realizar todas as súas xestións de forma áxil, cómoda e segura, sen saír de casa.

Con esta colaboración, Viaqua contribuíu ademais á difusión do proxecto Cruz Vermella RESPONDE, dirixido a dar resposta ás necesidades sanitarias, sociais, educativas ou de empregabilidade dos colectivos máis afectados pola pandemia.

Cruz Vermella Española lanzou o pasado mes de marzo, nada máis decretarse o estado de alarma pola pandemia da COVID-19, un ambicioso plan de resposta cuxo obxectivo inicial era atender ás persoas vulnerables fronte a crise sanitaria. O Plan Cruz Vermella RESPONDE fronte á COVID-19 está a ser unha das maiores operacións de Cruz Vermella, en canto a mobilización de recursos, capacidades e persoas.

Actualmente, Cruz Vermella Española atendeu xa a máis de 2.600.000 persoas en temas emerxencia social e de saúde, superando o seu obxectivo previsto, coa axuda de máis de 56.000 persoas voluntarias. 

Sorteo de ouro

Un ano máis, Cruz Vermella puxo en marcha a venda de boletos do Sorteo de Ouro que terá lugar o próximo 26 de novembro.  Viaqua únese tamén a esta acción para recadar fondos destinados aos distintos proxectos sociais e solidarios da entidade.