Publicador de contidos

Viaqua e Cruz Vermella, xuntas polo dereito ao xogo

" "

Esta semana Viaqua fixo unha entrega de xoguetes nas instalacións de Cruz Vermella Santiago, co obxectivo de que nenos e nenas da cidade, pertencentes a familias en risco de vulnerabilidade social e económica, poidan gozar de xogos que lles permitan continuar a desenvolver as súas capacidades e habilidades. No acto de entrega estaban presentes o Director de Viaqua, Julio Masid, a xerente de Viaqua en Santiago, Ana Tejeiro, o Presidente de Cruz Vermella, Jose Luis Barreiro, e a Coordinadora de Cruz Vermella en Santiago, Rocío Ovalle.

Cada ano, cando finaliza o primeiro trimestre escolar, Cruz Vermella fai unha pequena festa de despedida ás nenas e nenos que participan nos seus proxectos de apoio socioeducativo para recoñecer o esforzo que están a facer para acadar bos resultados académicos. Este ano, grazas á colaboración de Viaqua, estes 38 estudantes que acoden cada semana á Cruz Vermella poderán ter un xoguete educativo co que pasar un bo rato en familia ou co que poñer a proba as súas habilidades. Este regalo complementará o libro de lectura que tamén lles estregou a entidade.

Os xoguetes son as ferramentas coas que os máis pequenos adquiren coñecementos e comportamentos que formarán parte do seu desenvolvemento como persoas. A través da campaña de sensibilización O Xoguete Educativo, Cruz Vermella Santiago fomenta o valor pedagóxico e a importancia educativa do xogo, entendéndoo como un elemento co que traballar a tolerancia, a diversidade, o respecto e a igualdade. Nesta liña, Viaqua decidiu colaborar con este proxecto diferenciador, non só pola acción que se leva a cabo, senón polos valores que se transmiten nela, entregando xoguetes de carácter educativo, cooperativo, non bélicos e que fomenten a igualdade de xénero. O xogo é un dereito fundamental que se debe promover como ferramenta educativa nun ámbito igualitario e sostible.

Viaqua segue apostando por ir máis aló de xestionar un servizo público, para ser unha empresa que achega valor á sociedade a través de iniciativas propias e mediante alianzas. Dentro do Plan Estratéxico de Desenvolvemento Sostible (2017-2021) de Viaqua, a empresa comprométese a contribuír ao alcance dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) marcados pola ONU mediante accións concretas e medibles.