Publicador de contidos

Entrevista a Mario Mosquera, estudante da FP Dual da Auga

“Este é un sector moi descoñecido para a maioría da xente, pero ten moitísimas posibilidades"

Mario Mosquera Gómez é alumno da segunda edición da FP Dual de Redes e Estacións de Tratamento de Augas, da Xunta de Galicia e Viaqua en colaboración co CIFP Politécnico de Santiago de Compostela. Recentemente finalizadas as prácticas que pechan dous intensos cursos de aprendizaxe constante, falamos con el para coñecer como valora a súa experiencia en Viaqua, onde estivo a realizar as prácticas nos concellos de Ribeira e Santiago.

  • Logo de dous anos, que aspectos destacarías da FP Dual da Auga?

É unha modalidade formativa que está moi enfocada na práctica e iso é moi positivo porque a aprendizaxe realízase en contornas reais e aprendes moito máis rápido. Ao inicio tes que coñecer como funciona todo e por iso a parte teórica é moi protagonista, pero aos 3 meses xa te metes no taller e pos en práctica todo o estudado. Logo xa empezas na empresa, ves como funciona todo, aprendes do persoal que leva moito tempo traballando e todo iso é moi enriquecedor e fai que te involucres moito máis.

  • Que habilidades ou coñecementos sintes que adquiriches durante os cursos? Cales che gustaría seguir desenvolvendo no futuro?

O sector da auga era un gran descoñecido para min, non sabía como funcionaba e foi unha aprendizaxe continua porque ves que hai moita xente involucrada realizando tarefas moi diferentes. Poder coñecelas todas de primeira man é algo moi positivo, xa que aprendes de todo o persoal que te acompaña nas diferentes áreas e centros de traballo e tamén vas vendo que che gusta máis. 

Pola miña experiencia en traballos previos nos que estiven de cara o público, gústame estar na rúa, falar coa xente e botar unha man para solucionar diferentes situacións. Ese é un campo no que me sinto cómodo e no que me gustaría seguir aprendendo. 

  • Podes compartir algunha experiencia onde aplicases o que aprendiches?

Tiven a sorte de estar en dúas explotacións, traballando de xeitos diferentes e con persoas distintas, onde fun un máis dende o primeiro momento. Por exemplo, cando acodes a unha avaría real tes que andar con moito ollo, porque un mínimo fallo e deixas a toda unha rúa sen auga. Tamén aprendes a pensar de xeito máis rápido e buscar solucións para mellorar o servizo. No meu caso, durante o primeiro ano, tivemos que lidiar coa problemática dos prezos da enerxía, polo que tiñamos que adaptar os nosos traballos ás horas máis convenientes para realizalos e planificalo todo con antelación. Son situacións que na teoría non se dan pero que cando estás sobre o terreo tes que aprender a xestionar.

  • Foron de utilidade as prácticas? Que foi o que máis che gustou? Que tal vos recibiron en Viaqua?

Cos compañeiros e compañeiras cos que me tocou traballar, tiven moi boas experiencias en todos os casos. Sempre se pararon a ensinarme como se facían as tarefas e foi un tempo moi enriquecedor que me valiu de moito. Algúns dos traballos que máis me gustaron foron os que se levan a cabo na ETAP. Tiven que esforzarme en aprender como é o proceso pero foi moi gratificante poder sacalo adiante. 

Alumnado da FP Dual de Redes e Estacións de Tratamento de Augas 
  • Cambiou a túa perspectiva sobre a importancia deste sector e as posibilidades laborais do mesmo? Gustaríache seguir ligado ao sector da auga?

A auga é importante, un ben escaso que temos que coidar. Este é un sector moi descoñecido para a maioría da xente pero ten moitísimas posibilidades. Como me chega a auga a casa? Quen arranxa a avaría na miña rúa? A onde vai parar a auga do meu sumidoiro? Todo isto precisa dun montón de xente e perfís diferentes e nese aspecto, este sector ten un montón de posibilidades para medrar e atopar algunha tarefa ou posto que che guste e te motive para desenvolverte profesionalmente.

  • Que lle dirías a alguén que esté dubidando que estudar? Recomendarías estudar a FP Dual da Auga?

O meu caso é bastante particular, eu non sabía que estudar e chamáronme a unhas semanas do inicio do curso para comentarme a posibilidade. Pola empresa na que se realizan as prácticas e as posibilidades de inserción laboral, funlle dando voltas e ao final decidín probar e encantoume. O da auga é un sector moi dinámico e con moitas posibilidades, se tes claro que che gusta, adiante, e para quen dubide recoméndolle que se informe previamente, que se poña en contacto co instituto e a empresa para que lles faciliten información e seguro que deciden dar o paso. 

  • Logo de vivir a empresa dende dentro, que opinas de Viaqua? Paréceche un bo lugar para desenvolver a túa carreira laboral?

En Viaqua tes moitas posibilidades de medrar e iso valórase moi positivamente. Anímante a seguir estudando, a non parar de formarte porque saben que é positivo para todas as partes. Logo ves que o persoal leva moito tempo na empresa, que é un traballo estable e a estabilidade é fundamental para desenvolverte profesional e persoalmente. Estaría encantado de poder empezar a traballar aquí.