Publicador de contidos

Aqua Talent Hub chega a Ourense para contaxiarnos a súa "Paixón polo Talento"

" "

O salón Marie Curie do Campus de Ourense da Universidade de Vigo acollerá o 15 de marzo a VII edición de Aquae Talent Hub, un encontro para mentes inquietas e curiosas que queren aprender sobre innovación, compartir coñecementos e ampliar a súa rede de contactos. Unha xornada que contará con Pablo Martínez Ruíz da Árbore, físico e científico senior do Instituto Tecnolóxico de Zúric ( ETH), responsable da master class, e coa experta en design thinking Irene Lapuente, condutora do taller.

Aquae  Talent  Hub é unha plataforma de impulso a novas ideas, un espazo de reflexión e divulgación sobre emprendemento e innovación. Ao longo do ano 2017, celebrouse en Elxe, Murcia, Málaga e Santiago de Compostela, e este ano, ademais de Ourense, ten previsto visitar Marbella, Alacante e Murcia. O denominador común de todos eles é a innovación desde as súas distintas perspectivas: social, cultural, solidaria, colectiva e científica.

Na súa clase maxistral, Pablo Martínez Ruíz da Árbore explicará como fomos avanzando no coñecemento das partículas que forman o noso Universo e como os físicos estruturan o seu pensamento, deseñan os seus experimentos e establecen conexións para conseguilo. Xunto a el, o público explorará algúns exemplos históricos da Física de Partículas e penetrarase nos desafíos aos que se enfronta esta ciencia actualmente, como o descubrimento do  Bosón de Higgs, a materia escura e as procuras actuais de Nova Física, que están a revolucionar o marco teórico actual.

Doutorado na calibración e construción do detector CMS (Solenoide Compacto de  Muones) situado no  LHC (Gran  Colisionador de  Hadrones) do  CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) en Xenebra (Suíza), Pablo Martínez Ruíz da Árbore é profesor asociado e científico  senior no  ETH, liderando e coordinando procuras de Materia Escura en CMS. Actualmente, traballa como investigador Ramón e Cajal no Instituto de Física de Cantabria.

  • Pensar como un físico pode axudarnos?

Antes da master class, a experta en Comunicación e Pedagoxía Irene  Lapuente (Física de formación) conducirá un taller que explorará como os procesos de pensamento que utilizan os físicos poden axudarnos no noso día a día. «A nosa cultura lévanos máis a xerar respostas que a expor preguntas. Sentimos máis cómodos respondendo. En cambio, a semente do saber é a pregunta», reflexiona  Lapuente, fundadora da  Mandarina de Newton, empresa que une ciencia e tecnoloxía para fomentar a creatividade. Neste taller, o público poderá coñecer, a través de actividades e xogos participativos, como se orixinou o Universo, de que está formado, como a Física o estuda, como funciona a mecánica  cuántica e como o erro serve de fonte de inspiración. 

Aquae  Talent  Hub é un evento de acceso gratuíto, aínda que se require unha reserva de praza na súa web xa que o seu aforamento é limitado.

Máis información: www.aquaetalenthub.com