Publicador de contidos

ECOVAL, o proxecto de innovación que posiciona Galicia como un referente na xestión circular dos residuos

O proxecto de innovación ECOVAL-SUDOE, liderado por Cetaqua e cofinanciado polo Programa Interreg Sudoe a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), celebrou esta mañá o evento final “Cara unha xestión circular de biorresiduos urbanos e lodos de depuradora”. Este encontro, que reuniu a máis de 70 asistentes en Ourense, serviu para presentar os resultados e as conclusións obtidas nos dous anos e medio de duración do proxecto. Armando Ojea, tenente alcalde do Concello de Ourense e Iván José Vicente, director xeral de Viaqua, inauguraron o acto poñendo en valor a colaboración e aposta do Concello de Ourense en proxectos de investigación como ECOVAL que permiten reducir o impacto dos residuos, converténdoos en recursos e poñendo a cidade de Ourense no mapa da innovación e da economía circular.

O evento simboliza o peche do proxecto ECOVAL, que demostrou que tanto lodos de depuradora como biorresiduos urbanos constitúen dúas correntes orgánicas con enorme potencial para o desenvolvemento das biofactorías. A partir deles pódense producir compostos como os ácidos graxos volátiles, que serven como materia prima renovable e sostible na industria química para a obtención dunha gran variedade de produtos: lubricantes, pinturas, bioplásticos ou cosméticos entre outros.

O noso director, Iván José Vicente, co tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea

Ademais, demostrouse que o modelo se pode replicar en contornas industriais, por exemplo nas industrias alimentarias como a  conserveira ou láctea, de gran importancia na economía galega. Por tanto, ECOVAL supuxo un paso adiante para a implementación das biofactorías ou biorrefinerías, o cal resulta clave na transición cara a unha economía circular que permita a xeración de bens reducindo a dependencia de recursos fósiles.

Cun financiamento europeo de preto dun millón e medio de euros, o proxecto conseguiu o escalado exitoso da tecnoloxía de produción de ácidos graxos volátiles (AGV) de alta pureza a partir de lodos de depuradora e biorresiduos urbanos, o desenvolvemento de modelos de negocio que permiten a industrialización das solucións e a identificación das barreiras legais que dificultan ou impiden a implementación dos devanditos modelos. 

ECOVAL conta cun consorcio internacional formado pola Universidade de Santiago de Compostela, Fundación Patrimonio Natural de Castela e León, Fundación Empresa-Universidade Galega, INSA Toulouse, Nereus, Porto Ambiente e Augas do Tezo Atlántico, e suporá un impulso en materia de I+D+i e o posicionamento de Galicia como referente en materia de economía circular en Europa.

ECOVAL pon fin á súa investigación baseada na revalorización de residuos

As presentacións do acto dividíronse en tres bloques principais, nos que personalidades destacadas de diferentes ámbitos defenderon a súa aposta por transformar as depuradoras en biofactorías -instalacións eficientes na obtención de auga, enerxía e materiais-, como elemento clave da economía circular para a xestión de residuos orgánicos. Na xornada tamén se analizaron o pasado e presente da xestión de biorresiduos urbanos e lodos de depuradora, así como as súas perspectivas de futuro.

Segundo Ander Castro, Project Manager de Cetaqua, “ECOVAL demostrou a viabilidade de producir, desde o punto de vista técnico, ácidos graxos volátiles con pureza suficiente para substituír a súa actual produción a partir do petróleo -e substituílo por lodos de depuradora e biorresiduos urbanos-. De todos xeitos, é  necesario continuar co desenvolvemento tecnolóxico para optimizar o proceso e reducir a escala a partir das cales estas solucións son rendibles economicamente”.

A mesa redonda, que pechaba o acto, estivo moderada por Teresa Alvariño, xerente de Cetaqua Galicia. Nela debatéronse as perspectivas futuras da valorización de biorresiduos urbanos e lodos de depuradora, desde unha perspectiva público privada, a través da participación de Viaqua e Agroamb, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. 

Leticia Rodríguez  participou na mesa redonda onde debateron as perspectivas futuras da valorización de biorresiduos

Leticia Rodríguez, directora de Desenvolvemento Sostible de Viaqua, destacou que para alcanzar o potencial de circularidade que teñen os lodos de depuración ou os biorresiduos hai que continuar traballando no desenvolvemento de novos modelos económicos e de xestión onde estes produtos de alto valor engadido teñan cabida. Para iso, Leticia declara que “é imprescindible mellorar en colaboración, cooperación e en acordo para alcanzar marcos de colaboración público-privada máis estables. Só así teremos garantía de éxito para afrontar os retos que temos por diante” 

Gabriel Alén, delegado da Xunta en Ourense, clausurou o acto e aproveitou a ocasión para resaltar a oportunidade de aproveitar os fondos europeos para a xestión óptima dos residuos, a importancia de concienciar á poboación e a necesaria innovación, que se aterra en Ourense grazas a proxectos como o novo Centro de Innovación de FP, que contén un módulo para o coidado do medio natural.

O acto finalizou cunha visita á biofactoría de Ourense

Cetaqua e Viaqua consolidan a través de proxectos como ECOVAL a súa aposta polas biofactorías como elemento crave para potenciar un modelo de economía circular no ciclo integral da auga. Ademais, na biofactoría de Ourense tamén se están desenvolvendo outros proxectos de I+D+i como o proxecto Biocenplas, que busca establecer un modelo sostible na industria transformadora da pesca, ou actividades do Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular, que desenvolve diferentes estratexias para conseguir descarbonizar Galicia grazas á conversión de residuos en recursos.