Publicador de contidos

O VII Certame Literario de Viaqua xa ten premiados

Finaliza a sétima edición do Certame Literario “Relatos de auga intelixente”, que organiza Viaqua para escolares entre 12 e 17 anos, nun ano marcado pola pandemia e complicado para os colexios, coa participación de preto de 400 relatos, de escolares dos concellos nos que a empresa xestiona o servizo de auga en Galicia.

Este ano, a temática dos relatos presentados foi o impacto que teñen os produtos non degradables no medio e nas redes de saneamento, como toalliñas, bastonciños, compresas, tampóns, máscaras, etc ao desbotalos polo retrete en lugar de no lixo. A finalidade deste certame literario, é concienciar sobre os problemas sociais, económicos e ambientais derivados dun mal uso do sistema de saneamento, concretamente do retrete, así como reflexionar sobre as medidas que se poden empregar nas cidades e núcleos de poboación de menor tamaño, e no noso día a día, para conseguir vivir nun mundo máis sostible.

As persoas premiadas desta edición foron escolares de colexios e institutos das cidades de Santiago, Ourense e Pontevedra. En concreto, tras as lecturas realizadas dos traballos presentados e a comprobación de que se axustaban ás bases do concurso, a deliberación dos membros do xurado determinou outorgar os seguintes premios:

RELATOS CLÁSICOS

ESO

1º PREMIO: A culpa - Esquio. María Victoria Outeiriño - Colegio Plurilingüe Carmelitas Ourense

2º PREMIO: Degoiro - Kaito. Anxo Martínez. - IES Antón Fraguas

BACH

1º PREMIO: Lévame - Furoramoris. Aloia López - IES Frei Martín Sarmiento

2º PREMIO: A viaxe de Pedro - Simpo. Alberto Barreiro – Colegio La Salle        

RELATOS CREATIVOS

ESO

1º PREMIO: Mar de lixo - Sapoconcho. Laura Fernández. - Colegio La Salle

2º PREMIO: Cambia tu vida, no tu planeta. GOGETA Z. Gabriel Gallego. – Colegio Divina Pastora

BACH

1º PREMIO: Repercusión - Malva. María Pérez - Colegio La Salle

2º PREMIO: Corrente desbotada - Crecha. Marta Seoane - Colegio La Salle

Pola súa banda, o Colexio Divina Pastora (Franciscanas de Ourense) fíxose co recoñecemento do xurado ao centro escolar que presentou ao concurso o maior número de relatos dos seus alumnos e alumnas, cun total de 158 relatos.

O xurado desta edición estivo formado por: D. Carlos Taboada, escritor e ilustrador en Polo Correo do Vento; escritor; Dª. Susana Fernández, técnica Departamento de Explotación de Augas de Galicia; Dª. Mª Teresa Abalde, xurídica de Viaqua e Dª Noelia Estévez, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo.

A entrega de premios, que se organizará en función da situación sanitaria actual, terá lugar nas próximas semanas.