Publicador de contidos

A descarbonización, eixo central da reunión do consello científico-técnico en Cetaqua Galicia

Cetaqua Galicia celebraba esta mañá a reunión do consello científico-técnico de 2022, na que se realizou o nomeamento de Alberto Sánchez, director de Transformación e Innovación en Viaqua, como presidente do mesmo. Unha reunión na que participaron os seus patróns Viaqua, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), xunto con representantes do Grupo Agbar e a Universidade de Vigo.

O obxectivo foi definir as novas liñas de innovación no ámbito da descarbonización, un dos eixos prioritarios da estratexia do centro de investigación da auga, enmarcado nas súas áreas de I+D+i principais: a de sustentabilidade ambiental económica e social e a de Biofactoría e recuperación de recursos. Ambas aúnan as capacidades técnicas necesarias para acompañar ás organizacións a acadar unha correcta xestión do carbono, enfocando os seus esforzos para conseguir a neutralidade. Para iso é esencial unha nova innovación que permita medir, reducir mediante a captura e valorización, compensar e comunicar as emisións de GEI provocadas polas organizacións nas súas cadeas de valor.

O IPCC (Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático) publicaba, tras anos de traballo, unha radiografía da crise climática de alcance global na que nos vemos envoltos. Unha das principais conclusións centraba os seus esforzos en concienciar sobre o incremento da temperatura global tendo como principal factor causante o aumento da emisión dos gases de efecto invernadoiro (GEI) que se deriva da actividade humana.

" "

Ante esta situación, comentaba Leticia Rodriguez, directora de Desenvolvemento Sostible en Viaqua, “desde o sector da auga temos a oportunidade de contribuír a paliar a crise climática que estamos a vivir e, ao mesmo tempo, xerar un impacto positivo sobre a realidade económica e social dos nosos usuarios, colaboradores ou cidadanía. Todos, desde o noso ámbito de actuación e responsabilidade podemos contribuír a iso. Pois a solución aos retos ambientais e sociais será a suma de moitas accións, todas elas encamiñadas a ser máis sostibles.”

“É fundamental non superar os 1,5 graos de quecemento global e para iso, todos os axentes implicados (gobernos, empresas, universidades e a sociedade no seu conxunto) deben traballar por que en 2050 as emisións netas sexan 0” comentaba Yago Lorenzo, responsable da área sustentabilidade ambiental e económica e social.

Pola súa banda, Alberto Sánchez, director de Transformación e Innovación en Viaqua e presidente do consello científico técnico, remarcaba “a importancia de apoiarse na innovación e a dixitalización para conseguir superar os importantes retos medioambientais que afrontamos como sociedade”. De igual modo, Teresa Alvariño, Xerente de Cetaqua Galicia, clausuraba a sesión destacando a importancia da colaboración-público privada e o nexo entre ambos os ámbitos dos centros tecnolóxicos, como Cetaqua, para axuntar esforzos para a neutralidade climática.