Santiago pon en marcha unha infraestrutura verde pioneira para tratar augas de escorras
O sistema inclúe solucións baseadas na natureza como un humidal artificial e drenaxes sostibles que protexen o río Sar de hidrocarburos, plásticos e outros contaminantes urbanos
Santiago de Compostela continúa avanzando na implementación de solucións innovadoras coa posta en marcha dunha infraestrutura verde pioneira. O sistema inclúe dous dispositivos de drenaxe urbana sustentable (SUDS) e un humidal artificial concibido para tratar as augas de escorras antes de retornar ao medio natural, mellorando así a calidade das augas que poderían chegar ao río Sar.
Situada no polígono da Sionlla, esta instalación está deseñada para reter máis do 70% dos hidrocarburos, aceites, microplásticos e sólidos en suspensión arrastrados pola chuvia, e que actualmente se verten no río. Trátase dunha aposta estratéxica por solucións baseadas na natureza para responder ao reto da auga urbana contaminada, seguindo os obxectivos de xestión integral de augas residuais e pluviais recollidos pola nova Directiva (UE) 2024/3019 sobre o tratamento das augas residuais urbanas.
O arranque desta infraestrutura marca un fito dentro das accións que impulsa o proxecto europeo WATERUN en Santiago. Para avaliar o seu progreso e coordinar os próximos pasos, a sede de Viaqua en Santiago, A Vila da Auga, acolleu unha nova reunión do Comité Consultivo Local do proxecto, na que participaron o concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, técnicos municipais do Concello de Santiago, representantes de Viaqua, Cetaqua e entidades como AIMEN e SEECON.
O encontro centrouse na visita técnica á nova infraestrutura e na análise do caso de estudo de Santiago coas entidades implicadas. Así mesmo, aproveitouse o encontro para analizar e determinar os desafíos emerxentes que expón a nova Directiva (UE) 2024/3019 relativa ao tratamento de augas residuais urbanas para a xestión integral das augas de escorrentía urbanas.
A través destes encontros, o proxecto WATERUN reforza o seu enfoque colaborativo, integrando axentes locais e expertos internacionais para validar e adaptar as solucións ás necesidades reais do territorio.
Sobre Waterun
Enmarcado no programa Horizonte Europa, WATERUN conta cun orzamento de 3 millóns de euros e unha duración de 48 meses. Ademais de Santiago de Compostela, estanse a desenvolver proxectos piloto en Aarhus (Dinamarca) e Ammán (Xordania). O consorcio está integrado por entidades europeas e do sur do Mediterráneo, entre as que se atopan: Viaqua, Universidade da Coruña (UdC), AIMEN, DCU Dublin City University, Technical University of Berlin (TUB), UFZ Helmholtz Centre for Environmental Research, Università Politécnica delle Marche (UNIVPM), Aarhus University (AU), TILIA GmbH, SEECON International GmbH, Office International de l’Eau (OIEAU), WAREG European Water Regulators, The University of Jordan (UJ) e Aarhus Vand (AV).