Publicador de contidos

Viaqua impulsará un innovador modelo circular para a xestión de residuos orgánicos na depuradora do Concello de Ourense

A xestión de residuos orgánicos urbanos presenta actualmente retos a abordar como a  minimización do depósito en vertedoiro ou o aumento da reciclaxe. Para facer fronte a este desafío,  Cetaqua Galicia, o Centro Tecnolóxico da auga asociado a Viaqua, continúa a súa aposta pola economía circular liderando o proxecto  ECOVAL do programa Interreg Sudoe 2014-2020. O seu principal obxectivo é a obtención de produtos de alto valor engadido ricos en carbono orgánico, como son os ácidos graxos volátiles, a partir da valorización dos residuos orgánicos xerados en contornas urbanas. O proxecto impulsará a economía circular potenciando a redución de residuos e a protección do medio ambiente a través da conversión dos refugallos en recursos altamente demandados polas industrias de plástico,  lubricantes ou  agroquímica.

Cetaqua, lidera esta iniciativa promovida por un consorcio composto por oito entidades de España, Francia e Portugal, como a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Empresa-Universidade Galega, entre outras, e conta coa colaboración de ata 29 entidades da mesma rexión, como a Xunta de Galicia e  Viaqua.

ECOVAL, acrónimo de “Estratexias de coordinación de xestión e valorización de lodos e residuos orgánicos na rexión  SUDOE”, será financiado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e estenderase ata 2023.

Este proxecto focalizarase en  valorizar fundamentalmente dous tipos de correntes residuais: os lodos de depuradora urbana e a fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos (FORSU), ambos cun elevado contido en carbono orgánico. Así, traballará para optimizar e crear sinerxias entre o ciclo urbano da auga e o dos residuos. Neste segundo, permitirá non só optimizar a recollida, fomentando a separación en orixe, en liña coas novas esixencias lexislativas; senón xerar unha nova cadea de valor, que á súa vez minimice os problemas de cheiro e os custos asociados á súa recollida e xestión.

Área de implantación: cara á economía circular mediante o impulso das biofactorías

En España, Cetaqua poñerá en marcha, da man do Grupo Suez, demostracións en plataformas tecnolóxicas situadas no Concello de Ourense, en colaboración con Viaqua, e en Palencia, co apoio de  Aquona, para valorizar lodos urbanos e residuos orgánicos a fin de obter produtos de alto valor engadido. Desta forma, promove o modelo de biofactoría que pretende transformar as plantas depuradoras en instalacións xeradoras de recursos, un innovador modelo de xestión de residuos replicable en toda a Unión Europea.

O Porto (Portugal) será o primeiro caso de estudo modelado para a optimización da xestión de biorresiduos a nivel de cidade e a súa posterior replicabilidade nas cidades de Palencia e Toulouse.

O impacto no medio deste proxecto será notable posto que, só na área que abarca o proxecto, xéranse 136 kg de residuos orgánicos  per cápita anuais podendo así seguir novas vías alternativas de tratamento para que estes residuos sexan empregados como recursos.

Cooperación transnacional para promover un novo modelo de xestión ambiental

Para desenvolver este modelo de xestión ambiental da materia orgánica, acompañarán a Cetaqua socios da rexión SUDOE (España, Portugal e os distritos franceses transpirenaicos) con experiencia nas distintas etapas da cadea de valor dos residuos que achegarán as competencias necesarias para asegurar a viabilidade do modelo. Estes son a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Patrimonio Natural de Castela e León, a Fundación Empresa-Universidade Galega, o Instituto Nacional de Ciencias Aplicadas de  Toulouse,  Nereus, Aguas do Tejo Atlántico e a Empresa Municipal de Ambiente do Porto.

Ademais, ata 29 entidades da mesma rexión comprometéronse co proxecto e participarán como entidades asociadas. Entre elas atópanse desde administracións públicas, como a Xunta de Galicia, a Junta de Castilla y León e o Concello de Palencia, ata usuarios dos produtos finais de base bio como REPSOL, incluíndo produtores de residuos orgánicos altamente aproveitables como Vego Supermercados  SAU.

O consorcio traballará desde a recollida do residuo ata a comercialización do produto final, mediante o desenvolvemento de procesos biotecnolóxicos innovadores e integrando aspectos multidisciplinares de tipo lexislativo, económico, de mercado, ambiental ou de percepción social.