Publicador de contidos

Viaqua presenta unha nova edición de Aquae STEM, o programa para fomentar as vocacións científicas nas nenas de primaria

Viaqua, empresa galega que xestiona o ciclo integral da auga en 48 municipios galegos, pon en marcha a cuarta edición do programa educativo Aquae STEM, destinado a fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas en nenas de 8 a 12 anos.

A xerente de Viaqua en Ourense e Santiago de Compostela, Ana Tejeiro, quixo “agradecer o compromiso dos concellos e dos colexios participantes nesta nova edición. É compromiso de todos os axentes potenciar as vocacións STEM e fomentar a igualdade neste eido, onde vemos claras diferenzas no mundo laboral actual. Programas como Aquae STEM seguro que axudarán a nivelar a situación”.

Esta edición supón o inicio dunha nova fase do proxecto que incorpora diversas novidades e que tamén terá unha duración de 3 anos. Nesta segunda fase, realízase unha maior aposta pola dixitalización que permite que os retos plantexados sexan resoltos dun xeito híbrido: a través de modelos físicos e dende unha plataforma dixital de aprendizaxe. Ademais, esta transformación dixital facilita a medición do impacto real do programa en cada participante e permite coñecer de primeira man a progresión individualizada de cada alumna a través das diferentes unidades didácticas.

Púxose unha especia énfase en aproveitar o programa para promover a sensibilización en materia de Desenvolvemento Sostible, a través de recursos vinculados á emerxencia climática e o recurso auga, mediante os que as nenas desenvolverán as súas capacidades vinculadas á tecnoloxía e a innovación.

Por último, nesta segunda etapa incorporáronse novas sesións de formación especializadas, destinadas ao equipo docente, a fin de dotar coas capacidades necesarias para sacar o máximo partido ao programa e incorporar novas dinámicas no proceso de ensinanza.

O compromiso coa visibilidade de referentes femininos segue presente nesta edición a través dos webinarios con mulleres profesionais no mundo das Ciencias, a Tecnoloxía, a Enxeñaría e as Matemáticas. Trátase de sesións online, dirixidas a todo o alumnado a fin de coñecer cal é o desenvolvemento profesional de mulleres que cursaron este tipo de formacións e as inquietudes que espertaron a súa elección. Estes encontros celebraranse nos meses de decembro, febreiro, marzo e abril, coincidindo coas datas de especial significación e vinculadas cos valores deste programa como o Dia da Nena na ciencia ou o Día das nenas nas TICs. A bióloga mariña e actual coordinadora do CREAF, Alicia Pérez-Porro, a astrofísica do CSIC, Nanda Rea, ou a enxeñeira de Telecomunicacións, Nuria Oliver, foron algunhas das mulleres que ata a data participaron nestas sesións.

" "

Presentación do Programa Aquae STEM no Concello de Ourense

Viaqua e Aquae STEM

Durante os últimos tres cursos académicos, alumnas de 2º a 6º de primaria de 8 colexios de Galicia foron coñecendo e profundando nos segredos das distintas especialidades científicas a través do programa educativo Aquae STEM, impulsado por Viaqua e a súa fundación, a Fundación Aquae. A nivel nacional, no programa participaron máis de 2.500 alumnas de 2º a 6º de primaria de 52 colexios de sete comunidades autónomas. Máis alá das cifras, o balance destes tres cursos escolares confirma que o método activo, práctico e inclusivo de Aquae STEM, converte ás estudantes nas protagonistas, proporcionándolles experiencias didácticas, fomentando a confianza nas súas capacidades científico-tecnolóxicas e mostrándolles referentes femininos destas áreas, logrando propiciar o interese das escolares por estas carreiras universitarias.

Sobre Aquae STEM

Aquae STEM naceu en 2019 co propósito de espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nenas en sectores profesionais con baixa presenza feminina mostrándolles, de maneira didáctica e a través de exemplos reais e cercanos, que o xénero non condiciona o éxito no universo científico e tecnolóxico.

En España, só 13 de cada 1.000 persoas completan estudos en materias STEM, e destes, só o 26% son mulleres. No último balance do Ministerio de Universidades, na rama da Enxeñaría ou Arquitectura, o 74,9% dos matriculados son homes.