Publicador de contidos

Facer visible o invisible, Viaqua achega o servizo da auga á cidadanía

 Con motivo do Día Mundial da Auga, Viaqua organizou  e participou ao longo da semana en diversos actos e actividades para celebrar esta xornada. O obxectivo da empresa galega é facer visible o que hai detrás do servizo da auga, achegando a poboación a xestión dun recurso esencial e involucrando a todas as persoas no compromiso de facer un uso responsable da auga.

Visitas ás instalacións do servizo de auga

Entre as diferentes actividades, Viaqua organizou visitas as súas instalacións de Santiago. O alumnado da FP Dual da Auga, acompañado do profesorado e do director do CIFP Politécnico de Santiago, Nicolás Espasandín, acudiron a coñecer a sede da empresa “AquaHub, A Vila da Auga”, onde foron recibidos por Ana Tejeiro, xerente de Santiago, Alicia Royo, directora de Recursos Humanos, o xefe de Servizo en Santiago, David Permui, e a xerente de Cetaqua Galicia, Teresa Alvariño. O alumnado puido coñecer da man de todos eles como se xestiona o servizo de auga, algún dos proxectos nos que está traballando a empresa, como a dixitalización do sector ou a transformación das depuradoras en biofactorías, así como os retos que plantexa o cambio climático e as solucións que se están deseñando e poñendo en marcha.  

A visita continuou na ETAP do Tambre e na EDAR de Aríns, onde coñeron da man das xefas de planta, Diana Peleteiro e Marta Clemente, respectivamente, o funcionamento do proceso de potabilización e depuración. O alumnado puido conversar con algúns dos traballadores máis experimentados e tamén con antigos alumnos da FP Dual da Auga, que agora están traballando na empresa, os cales foron resolvendo as dúbidas plantexadas e animáronos a facer con ilusión as prácticas que comezarán en poucas semanas na empresa.

" "

Diana Peleteiro ensinando a ETAP do Tambre

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, despois de visitar AquaHub, A Vila da Auga e a ETAP do Tambre o mes pasado, tamén quixo aproveitar a semana do Día Mundial da Auga para acabar de coñecer o ciclo urbano da auga coa visita a unha depuradora, neste caso a EDAR de Aríns, onde, acompañada da Directora da Área de Medio Ambiente, puido coñecer os procesos polos que pasa a auga antes de ser devolta ao medio e comprobar o que chega a estas instalacións polo mal uso do retrete.  

Valedora do Pobo e Directora da Área de Medio Ambiente na EDAR de Aríns

Obradoiros de “Aqualogía” e charlas de concienciación

Viaqua tamén achegou o ciclo urbano da auga a rapazas e rapaces de Down Compostela, a través de obradoiros de “Aqualogía”, con vídeos e a participación na elaboración de experimentos, coñeceron os diferentes pasos polos que pasa a auga ata chegar as nosas casas e como se trata antes de ser devolta ao medio ambiente.

Obradoiros de Aqualogía no centro Down Compostela

Técnicos da empresa no Concello de Ourense, visitaron o Centro de Día Aixiña, para explicar a persoas da terceira idade como funciona o ciclo urbano da auga na cidade e conciencialos con consellos de consumo responsable da auga.

Técnicos de Viaqua dando unha charla de concienciación no centro de dia Aixiña

Promover e apoiar as alianzas locais

No Día Mundial da Auga, Viaqua patrocinou e participou no I Encontro do Viño Galego Revera Vinum. Un evento, promovido pola Asociación de Hostalaría de Compostela, no que a empresa colaboraba cunha charla sobre a ‘Dixitalización e optimización da rega en viñedos como mellor forma de optimizar os recursos e aumentar a produtividade’. Este foi a primeira das accións de colaboración que se levarán a cabo coa Asociación Hostalería Compostela, despois de asinar un convenio de colaboración recentemente. A xornada continuou coa asistencia á Cerimonia da Árbore Europea 2022, organizada polo Concello de Santiago, onde o Carballo de Conxo acadou a segunda posición e Viaqua foi recoñecida polo seu compromiso coa candidatura compostelá. Froito desta colaboración naceu o Bosque Viaqua, unha plantación de 325 carballos fronte á Vila da Auga, sede da empresa.

Ana Tejeiro. Xerente de Viaqua, recolleu o diploma de recoñecemento

Resultado do VIII Certame Literario “Relatos de Auga Intelixente”

Para rematar a semana, Viaqua anunciou os relatos gañadores do VIII Certame Literario “Relatos de Auga Intelixente”. Esta oitava edición estaba dirixida a escolares dos preto de 50 concellos onde a empresa xestiona o ciclo integral da auga e presentáronse máis de 300 relatos cuxa temática debía ser o consumo responsable da auga como recurso finito. Os gañadores e gañadoras son escolares das cidades de Santiago de Compostela, do Colexio La Salle e o IES Antón Fraguas, e de Ourense, do Colexio Divina Pastora, o cal repite un ano máis como o colexio con maior participación de Galicia, presentando un total de 144 relatos. Nas próximas semanas organizarase a entrega de premios.