Publicador de contidos

AquaOurense presenta un Pacto Social para a recuperación económica e social da provincia

O texido empresarial e social da provincia de Ourense xogará un papel fundamental a través da cooperación e o diálogo

" "

O Presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar, presidiu esta mañá no complexo turístico “O Corgo” de Muíños (Ourense), o acto de presentación do Pacto Social promovido por AquaOurense, a empresa mixta formada pola Deputación de Ourense e por Viaqua, encargada de realizar asistencias técnicas de cooperación coas entidades locais da provincia relacionadas co ciclo integral da auga e medio ambiente.

O obxectivo do Pacto Social presentado é dar resposta aos novos retos sociais e económicos derivados da crise sanitaria e da crise climática apostando pola solidariedade, o emprego de calidade e a reconstrución verde para a provincia de Ourense.

O obxectivo de AquaOurense con esta iniciativa, é contribuír á recuperación económica cun modelo de xestión da auga que mellore a calidade de vida e protexa ás persoas, especialmente ás máis vulnerables. Este modelo, baseado no compromiso local, promoverá a reconstrución verde e a innovación, favorecendo a evolución cara a uns municipios ourensáns sostibles e resilientes, a través do desenvolvemento de iniciativas concretas.

No evento participaron o Alcalde de Muíños e presidente de AquaOurense, Plácido Álvarez, que puxo en valor a actividade que leva desenvolvendo 13 anos a empresa mixta AquaOurense, así como destacou o obxectivo que ten este Pacto Social de escoita activa a sociedade.

 

 

O director de Viaqua, Marcos Martín, que subliñou que esta era a única experiencia deste tipo cunha Deputación en España, afirmou que o pacto permitirá realizar un cambio de modelo concesional nos municipios de menor tamaño, permitindo achegarlles proxectos sociais, de dixitalización e medioambientais.

 

A encargada de presentar en detalle aos asistentes o Pacto Social AquaOurense e os próximos pasos foi Dulcinea Meijide, Directora de Desenvolvemento

Sostible do grupo empresarial ao que pertence Viaqua. Por último, o Presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, pechou o acto definindo este pacto como “un proxecto único e pioneiro que seguro imitarán noutras partes do Estado, como exemplo de colaboración entre administracións públicas e institucións sociais e económicas, que mediante o diálogo e ás achegas dos expertos no tratamento da auga que participarán nas mesas de traballo se extraerán conclusións para prever por onde temos que camiñar para garantir o futuro dun elemento fundamental para a vida como é a auga”. Solucións, apuntou, que a Deputación poderá trasladar aos órganos de dirección ou comités de goberno dos foros nacionais e internacionais nos que está presente.

Ao acto asistiron representantes das principais administracións, organismos, asociacións e empresas da provincia, que durante os próximos meses, da man de AquaOurense, traballarán en mesas de diálogo, onde acordaranse plans de acción con iniciativas, aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, marcados dentro da Axenda 2030, dirixidas a contribuír á recuperación económica e social da provincia.

Só conseguiremos progresar como país e protexer os logros do noso estado de benestar se todos os axentes acordamos novas condicións. Por iso, a proposta de AquaOurense vai encamiñada a impulsar un pacto social estable, que garanta unha reconstrución económica sostible e que achegue seguridade e confianza á cidadanía.