Publicador de contidos

Cetaqua Galicia celebra o seu 10º aniversario consolidándose como polo de innovación na rexión

Cetaqua Galicia desenvolveu máis de 80 proxectos en Galicia de I+D+i que mobilizaron un orzamento total de 40 M€

 

Esta tarde celebrouse, na nova sede de Viaqua en Santiago de Compostela, o décimo aniversario de Cetaqua Galicia. O acto estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, D. Alberto Núñez Feijóo, o alcalde de Santiago de Compostela, D. Xosé Sánchez Bugallo e o presidente de Agbar, D. Ángel Simón Grimaldos.

Hai 10 anos desde que Viaqua, a Universidade de Santiago de Compostela e o CSIC, crearon a Fundación Centro Gallego de Investigaciones del Agua, Cetaqua Galicia, como modelo pioneiro de colaboración público-privada para a investigación e a innovación. O obxectivo desta fundación era converterse en referente nacional na aplicación do coñecemento científico á auga e ao medio ambiente coa creación de produtos e servizos en beneficio da sociedade. Desde a súa constitución a finais de 2011, Cetaqua Galicia desenvolveu máis de 80 proxectos de I+D+i de diferentes tipoloxías e alcances, que mobilizaron un orzamento total de 40 millóns de euros e contribuíron a posicionar a esta fundación como un centro referente a nivel autonómico e nacional na aplicación do coñecemento científico ao ciclo da auga, especialmente no ámbito do tratamento e valorización das augas residuais.

Esta celebración tivo lugar en AquaHub, A Vila da Auga, a nova sede de Viaqua, onde tamén se atopan as oficinas de Cetaqua Galicia e do resto de empresas de Agbar, situadas na capital galega. Con este modelo pioneiro de integración, baixo un mesmo espazo, da I+D co resto das capacidades loxísticas, analíticas, operativas e de innovación, asociadas á xestión do ciclo integral da auga e ao desenvolvemento de solucións e servizos ambientais, Viaqua reforza a aposta que leva facendo en Galicia desde hai máis de 50 anos pola innovación, a dixitalización e a descarbonización, para unha transición ecolóxica, onde as alianzas xogan un papel fundamental. O impacto local da actividade xerada polas entidades que forman AquaHub A Vila da Auga, supoñerá o mantemento anual de máis de 900 empregos.

A benvida do evento correu a cargo do alcalde da cidade, D. Xosé Sánchez Bugallo, quen pola súa banda, remarcou a importancia da auga “como elemento fundamental, mesmo nas zonas onde hai abundancia como é o caso de Galicia e, en particular de Santiago, xa que forma parte da propia configuración da cidade.”

Os patróns de Cetaqua Galicia tamén quixeron participar na celebración mediante vídeo onde, o reitor da Universidade de Santiago, D. Antonio López, declarou que Cetaqua Galicia é “a conexión necesaria, e pola que a Universidade apostou sempre, entre o coñecemento, a investigación e a transferencia de resultados para favorecer ao tecido produtivo e as solucións tecnolóxicas que as empresas poden poñer en marcha.” Por outra banda, a presidenta do CSIC, Dª Rosa Menéndez, falou sobre a importancia do labor de Cetaqua Galicia para o presente e para o futuro “porque se trata de garantir que a auga teña a calidade necesaria e de preservala”.

A continuación, D. Ángel Simón, presidente de Agbar, compañía á que pertence Viaqua, que á súa vez é patroa de Cetaqua, destacou que “a excelencia técnica nas nosas operacións é necesaria, pero imos un paso máis aló: ambicionamos ser unha empresa tractora no proceso de reconstrución que afrontamos, levando a cabo unha importante transformación cuxo valor diferencial é situar sempre ás persoas e á sociedade no centro da nosa estratexia”. Así mesmo, declarou a necesidade de establecer mecanismos áxiles de colaboración público-privada para facer fronte ao reto da reconstrución. Onde a colaboración entre as administracións e a empresa é esencial para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU. O presidente da compañía explicou como nos máis de 50 anos que Viaqua leva traballando pola excelencia na xestión dun servizo público, a compañía avoga por proxectos que se fundamentan neste modelo de alianzas, como é o caso de Cetaqua Galicia, a Unidade Mixta CIGAT- BIOFACTORÍA e a FP Dual, que desenvolven coa Xunta de Galicia. Outros exemplos son o Consorcio de Valdeorras, así como AquaOurense (sociedade mixta de Viaqua e a Deputación de Ourense), e o seu Pacto Social, que están a aterrar na provincia de Ourense da man da Deputación.

Na clausura, o presidente da Xunta de Galicia, D. Alberto Núñez Feijóo, destacou que a auga é un ben natural e socioeconómico: único, imprescindible e limitado, para a continuación avogar por xestionalo como un dos nosos recursos identitarios, naturais e económicos máis prezados. Feijóo felicitou a CETAQUA Galicia por estes dez anos de traballo e sitouna como un exemplo de xestión eficaz e eficiente da auga e da relevancia da colaboración público-privada. Finalmente, o máximo mandatario galego tamén avanzou que o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma que onte aprobou o Consello da Xunta prevé destinar 40 M€ no ano 2022 a avanzar no saneamento das rías galegas.

Consulta o vídeo do 10º aniversario de Cetaqua Galicia.