Publicador de contidos

USC e Viaqua reafirman a súa vontade de colaboración para fomentar a inserción laboral do alumnado

Ambas as dúas entidades e a Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga, Cetaqua Galicia, traballan de xeito conxunto no desenvolvemento da carreira profesional das persoas egresadas no eido da xestión integral do ciclo da auga

" "

O fomento da inserción laboral é un dos novos eixos que ampliará a colaboración entre a USC e Viaqua. A xuntanza mantida hoxe no Colexio San Xerome, entre o reitor Antonio López e representantes da empresa serviu para reafirmar a vontade de colaboración entre ambas as dúas entidades, a cal leva desenvolvéndose dende hai máis dunha década.

Na reunión, ademais do reitor da USC, participaron Ángel Simón, presidente de Agbar; o director executivo, Manuel Cermerón, o director de estratexia, Ciril Rozman, e Marcos Martín, conselleiro delegado de Viaqua. Algunhas das vías de colaboración que se abordaron no encontro pasan por dar pulo ao emprego no ámbito da formación, desenvolvendo a carreira profesional das persoas egresadas no eido de actuación da empresa. Tamén se puxo o foco no desenvolvemento da carreira profesional no ámbito da investigación aplicada ao ciclo integral da auga e o medio ambiente, grazas á formalización de doutoramentos industriais conxuntos entre USC e a Fundación Centro Galego de Investigación da Auga,  Cetaqua Galicia, en colaboración con Viaqua.   

Durante o encontro achegáronse posturas en liña coa Axenda 2030 de Nacións Unidas xa que ambas as dúas entidades defenden un crecemento económico inclusivo e sostido para impulsar o progreso, crear empregos acaídos para todas as persoas e mellorar os estándares de vida. Neste senso, a dilatada traxectoria de colaboración entre USC e Viaqua contribúe á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) marcados pola ONU, en concreto ao ODS 8, sobre traballo decente e crecemento económico; ao ODS 6, auga limpa e saneamento; e ao ODS 17, alianzas para lograr os obxectivos.