Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Unidade Mixta CIGAT lanza con éxito a súa primeira tecnoloxía ao mercado

A Unidade Mixta CIGAT lanza con éxito a súa primeira tecnoloxía ao mercado

 

" "

O Centro de Innovación Galego de Sistemas Avanzados de Tratamento de Auga (CIGAT) ven de poñer no mercado unha tecnoloxía innovadora para o tratamento de augas residuais de industrias especiais. A súa primeira referencia será na multinacional farmacéutica SANOFI, no que supón a primeira chegada ao mercado dunha tecnoloxía desenvolvida no marco desta Unidade Mixta, que xa está sendo ofertada a clientes industriais a nivel nacional e internacional.

Esta tecnoloxía, patentada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), desenvolvida con Cetaqua Galicia e licenciada ao grupo SUEZ, está deseñada para o tratamento en orixe, antes de mesturarse coas augas residuais domésticas, de augas residuais industriais que conteñen determinados contaminantes, chamados emerxentes, cun potencial impacto negativo sobre a saúde e o medio ambiente, como augas hospitalarias e industriais procedentes dos sectores químico e farmacéutico. Estas substancias poden causar problemas nos sistemas de depuración convencionais, xa que no están deseñados a tales efectos, polo que o tratamento en orixe resulta máis eficiente en termos económicos e ambientais, evitando deste xeito maiores inversións nas depuradoras que existen actualmente.

Formada pola empresa Viaqua e o centro tecnolóxico Cetaqua Galicia, CIGAT é a única Unidade Mixta de Galicia no ámbito da auga e medioambiente, que se constitúe grazas ao apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). O principal obxectivo da Unidade Mixta CIGAT é o de reducir a contaminación das augas e protexer e explotar sustentablemente os recursos hídricos galegos, promovendo o desenvolvemento e posta no mercado de tecnoloxías que contribúan á mellora e valorización dos recursos naturais.

Desde 2014, a Xunta de Galicia está apoiando a posta en marcha de 24 unidades mixtas grazias a un investimento de 23 millóns de euros, que permitiu mobilizar 84 millóns e a creación de máis de 360 empregos de alta cualificación. Os principais obxectivos deste programa son favorecer a cooperación entre as empresas e os centros de coñecemento, impulsar a transferencia da I+D+i ao tecido industrial galego e atraer empresas foráneas cara a Galicia cun compromiso de permanencia a longo prazo.

O desenvolvemento desta tecnoloxía é un exemplo do compromiso e a aposta deste modelo aberto de innovación de SUEZ, que demostra ter a capacidade de desenvolver solucións innovadoras. O desenvolvemento de novas tecnoloxías de tratamento de auga require tempo e unha xestión eficiente de recursos para lograr os seus obxectivos. Galicia, cunha economía fortemente ligada á calidade das súas augas, sitúase deste xeito á vangarda no tratamento de contaminantes emerxentes grazas ao desenvolvemento deste produto no marco do seu programa Unidades Mixtas e ao seu potencial de internacionalización a través do grupo SUEZ.